29 de dezembro de 2006

Foto: oviño cosido
MAR DE FORA

En Mar de Fóra
a penas se percibe a luz do día.

E o frío arde
nos tombos da mudez máis arraigada.

E todo fica estraño
e silencioso
como unha sombra
enxoita de paisaxes.

En Mar de Fóra
adoito se mesturan
as artes do tributo máis efémero:
herdanza de salitre
-a nosa-
de homes e mulleres salitrosos.

Porque levamos no silencio
o rostro e a palidez salgada do traballo.
Ese traballo inxel
de remendar nas redes do encaixe máis absurdo.

En Mar de Fóra
as redes son o berce
onde aniñamos, nós,
alén da luz escura
que nos sinala o día.
Do poemario Mar de ausencias 2000
Modesto Fraga (Fisterra-A Coruña, 1974)

4 comentários:

Natyara disse...

Penso que non poderia estar lonxe do mar por moito tempo.
Un saúdo

xeiteiro disse...

Poema fermoso e revelador, aínda que a foto non lle desmerece nada. Un saúdo ensalitrado.

bagoa disse...

Natyara, eu penso o mesmo, lonxe do mar?, non somente por cuestións espirituais, senón físicas. Que sería da miña pel, tornaría a doce quizais. non sei, pero necesito do vento salgado da miña aldea, necesito do Rostro e de Talón, aínda que esta última praiñá a levara o lume.

bagoa disse...

xeiteiro? Xeiteiro do sur? como un dos poemas do meu bo amigo Modesto. Sei que es da miña terra, ate podería case recoñecer as túas mans. Cheas de atlánticos, cheas de cidades de homes sumerxidas. Un saudo dende estes insomnios.