11 de setembro de 2007




A EXTRACCIÓN DA PLUMA
Matahari na trampa
10.09.2007



por Iolanda López López


Momo racha con fulgor os pasos retrógrados dos grises. Non hai argucia que poida coa súa mente. Canto menos entenden, máis cren furar nos pés da súa bondade. "Os peixes-FEMIA andan sós". Cada dedo cae nunha artimaña. Distintos formatos. Ela garda as cartas no corazón espídico, na intuición feromónica que algúns insisten en chamar debilidade, outros burdel, outros tolemia. "Non somos feras / quen torturamos ao vencido". Cada truco alleo provoca a gargallada na súa intelixencia, ou cecais o absurdo. Porque nos castelos de vea ardente, é triste sentir que os ananos sen coraxe son inimigos de si mesmos sen escudos de por medio, só falsos muros de arame e aceiro. Porque cando Momo quere erguer sorrisos e fornecer almas, outras cordas devecen por afogala. Porque cando o esquío-tartaruga coida das árbore-vítimas, elas mesmas bótanse contra todo por non ser capaces de aceptar os erros e palialos. Criticar para evoluír, non para facer dano. Mais sempre haberá unha cabeza de turca: Momo-matahari. "A penas é dado entrar no paraíso / pola porta do váter dun café". O humanismo hoxe en día é o bico dos desdentados obsesionados por palidecer nas miserias que agochan, vagabundos feridos, aínda que sexan burgueses adoitando semellar o que non son. "Vita è de l"alme il bacio, / é vita di natura".



Mágoa esperpéntica dos que cremos sabelo todo. Paradoxos inintelixibles. Internet, fonte de información, mais tamén harpía escura fomentando incomunicación e control. Momo cae na trampa dalgúns covardes. Mais as feridas lévana á metamorfose do ferro. Muller forte e sabia que non volverá errar. Inmune ás mofas e á soberbia. Ela arrinca imaxes primixenias. Ninguén enfiará os seus peitos con guións pésimos de gigolós-oas. Porque ás veces as cousas mudan, aínda que poida resultar imposible. "Procurarás en van desfacer a marca invisíbel / da miña lingua na túa pel". O tacto da mentira nunca morderá lixo no seu corpo, nunca. As tixolas do soño descansarán no nuboeiro da vitoria, non da derrota. Fortaleza erixíndose. Egua no vento esvarando polo atlas da xeografía humana. Porque nas súas adentras Momo é feliz. Para ela, nada é alleo. A boneca adulta sabe escoitar, distinguir o grisáceo do auténtico, coñecer os que respiran brétema na candidez da veracidade. Suficiente. Maniqueísmo bipolar? (Pre)xulguen vostedes, nesta multidemocracia onden mandamos os mandados polo noso medo.








3 comentários:

torredebabel disse...

hai unha forza no que escribe Yolanda que sempre me deixa os pensamentos rebulindo: "O humanismo hoxe en día é o bico dos desdentados obsesionados por palidecer nas miserias que agochan"...

Anônimo disse...

A Palmira: Grazas por ter a sorte de coñecer a alguén limpo, xeneroso e sinxelo, llano, inocente, auténtico. Non é fácil
A Torredebabel: vémonos na imaxinación das palabras a ritmo de tango e de muiñeiras
Yoli
O pracer é meu. Sen a xente que un apreza e quere non habería poesía

modesto disse...

Fermosa correspondencia entre dúas fadas madriñas do corazón e da pureza. Un bico de salitre e mar de fóra.