12 de agosto de 2006

ardegaliza

Comunicado de ADEGA
A IMAXE DE RAJOY E NUÑEZ FEIJOO FRONTE AO LUME: UNHA FALLA DE RESPECTO AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DAS BRIGADAS ANTIINCENDIOS.
Nunha situación de emerxencia e de verdadeira traxedia ambiental, económica e social coma a que está a sufrir Galicia, dende hai unha semana, a causa desta vaga de lumes sen control, é moi de agradecer que as persoalidades políticas queiran coñecer de primeira mán a amplitude e as graves consecuencias do lume, para logo, dende tal coñecemento, acertar en propoñer as medidas necesarias para millorar, dende agora mesmo, todos os dispositivos de loita contra o lume. Agradecemos, pois, a visita que o Sr. Rajoy, acompañado dos líderes do seu partido en Galiza, fixo no día de onte a un dos lugares da catástrofe no concello de Meis (Pontevedra). Mais lamentamos que, en lugar de vir a ofrecer o seu apoio e o do seu partido para a loita contra o lume e para a identificación e detención de cantos podan estar a practicar esta forma de terrorismo forestal, veña só a sacarse fotos para a prensa nunha pose, -mangueira de xardin en mán-, que, -á vista duns traballadores e traballadoras das equipas de extinción que, en primeira liña do lume, se teñen que enfrontar durante xornadas enteiras, non a unhas cinzas xa baixo control, senón a chamas de máis de 30 e 40 m de altura en frontes de varios kilómetros-, non pode menos que ofender á sensibilidade de calquer cidadán.
A loita contra o lume necesítanos a todos, en primeiro lugar para agradecer o esforzo de todos e todas os que están implicados nos traballos de extinción e control do lume; en segundo lugar para colaborar na detección, persecución e identificación dunha intencionalidade que só pode calificarse de terrorismo ambiental e, en terceiro lugar, para poñerse a disposición das equipas de protección civil para axudar en canto sexa posíbel axudar, sen engadir riscos e sen entorpecer os traballos de extinción.
Unha vez máis, pois, a nosa gratitude e solidariedade cos traballadores/as implicados na loita contra o lume e o chamamento urxente á povoación para que se colabore coa administración de xustiza e coa garda civil na detención, identificación e persecución dunha delicuencia terrorista que está poñendo en grave risco a vida de moita xente e que está a destruir, para moitos anos, todo o noso patrimonio natural.
ADEGA
Santiago, a 9 de Agosto do 2006

Nenhum comentário: