12 de agosto de 2006




Manifesto dos escritores en defensa do noso monte
Lido no Museo do Pobo Galego o xoves 10 de agosto do 2006.
EN DEFENSA DO NOSO MONTE
Os escritores e escritoras galegas queremos mostrar a nosa indignada dor diante da agresión criminal que esta a sufrir a nosa terra, a natureza de noso que alimenta e é alimentada pola vida. OS ESCRITORES E ESCRITORAS EN LINGUA GALEGA QUEREMOS ERGUER A NOSA VOZ EN DEFENSA DO MONTE GALEGO.
Porque no noso monte os escritores e as escritoras ollamos e vemos reflectido o transcorrer da nosa propia vida, quen fomos, que somos e cara onde imos, foi por isto que incorporamos ao noso himno nacional a súa arpada voz de ser vivo. É por iso que o defendemos coa palabra. Porque a saiba verde, o verde sangue do monte vizoso, ao longo da historia, nos construíu, alimentou e fixo cidadáns libres.
Queremos un monte no que habite o carballo e faga o niño a rula e voe como un ventiño leve a vacaloura, un monte que nos axude a medrar e ser mais humanos. Queremos un mundo rural de novo habitado, onde o neno soñe nos soutos mundos pantasticos e o outono pouse a súa dourada luz nas secas follas, pois o seu abandono foi parello ao abandono da nosa lingua e á perda das nosas raíces culturais e á caseque desaparición da nosa cultura de tradición oral.
Denunciamos aos usos interesados é á manipulación criminal do monte, que alenta como un dos seres vivos máis antigos e grandes do planeta para regalía nosa.
Denunciamos ao agravio amedrentador con que as tramas criminais que prenden lume nos asexan desde a covardía, do antefaz das sombras da noite, da miseria humana que só busca facer o máximo dano posíbel, desestabilizar socialmente e coa máxima visibilidade publica.
Queremos mostrar o noso apoio á xente ao noso povo que está a ser sitiado de xeito criminal polo lume e que se esta a defender mesmo coa propia vida. Sentímonos orgullosos do noso pobo que se nega a serderrotado, que non se sume na impotencia á que nos queren condenar.
Quérennos derrotar hoxe para seguir a derrotar un devir de cidadáns libres na construccion da nosa historia.
Denunciamos ao egoísmo depredador de quen apenas valora o monte en números cadrados e redondos apoiados pola política forestal suicida do pasado, incapaz de mirar mais alá do beneficio económico inmediato.
Denunciamos a quenes no pasado non acreditaron no medio rural e impediron a creación de industrias do agro e do gando propias, apoiando o abandono do medio rural.
Apoiamos as novas políticas preventivas. Apioamos as medidas cara unha nova planificación territorial , cara a unha nova política forestal , cara á recuperación de condicións dignas para o noso medio rural, cara áincorporación dos mozos e mozas á actividade agrogandeira e forestal, así como a potenciación do carballo do castiñeiro, da aciñeira, e o novo aproveitamento do toxo, da xesta, da carqueixa, da urz
Apoiamos e apoiaremos sempre aos medios de comunicación que dean unha imaxe de prestixio do noso medio rural cunha lingua e unha cultura de noso.
Queremos mandar mensaxes de apoio ás equipas que están a traballar ate a extenuación e á nova administración galega que está a traballar honestamente.
Denunciamos a quenes están a atacar infraestruturas estratéxicas creando un verdadeiro estado de sitio sobre poboacións e persoas.
Nun momento no que se quere derrotar á sociedade galega , no que se lle quere mandar a mensaxe de que lle retire o seu apoio ao novo goberno lexitimo de Galiza, denunciamos a quenes , en situación tan dramática, queren sacar beneficios políticos facendo unha oposición desleal e fraudulenta.
Diante diste terrorismo criminal aplaudimos a unidade das galegas e dos galegos e situámonos ao seu carón como colectivo a prol da defensa do monte, con eles, que novamente demostran estar ao fronte dunha causa xusta: a causa da dignidade do noso pobo

Nenhum comentário: