A Cidade de San Cibrán de Lás é un xacemento que, pola súa configuración formal e monumental, constitúe un verdadeiro arquetipo dos castros da etapa final da cultura castrexa, coincidente coa romanización do NW peninsular.
As escavacións realizáronse en tres fases moi separadas no tempo: Entre 1922 e 1925 dirixeas don Florentino López Cuevillas; paralízanse despois ata 1948-49, datas nas que as reanuda don Xaquín Lorenzo Fernández.
Finalmente dende 1980 prodúcese o reinicio, con novas escavacións e a recuperación das descobertas anteriores.
A importancia histórica do xacemento vinculase coa primeira sistematización da cultura castrexa realizada por Cuevillas.
Pero tamén resulta importante pola súa propia grandiosidade e pola avantaxe de coñece-lo seu nome antigo: LANSBRICA, que aparece nunha das tres inscricións aparecida ata o momento. Unha, na porta do solpor do recinto central, fragmentada; outra, breve e sobre unha rocha cunha adicatoria a Iuppiter; a terceira, unha ara adicada a Bandua Lansbrica, na que se recoñece a raiz do topónimo local, testemuñado tamén por algúns documentos medievais.
O castro, un dos de maior superficie de Galicia, está constituído por dous recintos amurallados, dispostos de xeito case concéntrico e lixeiramente alongados no senso norte-sur.
Encántame a comarca do Ribeiro, e pronto trasladareime alí.Deixo atrás a cidade das Chispas, a rúa do perigo, pero prometo convidarvos o meu novo curruncho deitado o ladiño do Barbantiño, xa veredes, xa veredes!